Pasos para o cultivo de Shiitake en tronco a partir de
micelio
Previo:
Moi importante!: O cultivo de shiitake pódese facer con
moitas madeiras de árbores autóctonas. Mais sempre con sentidiño e amor pola
terra, de xeito que esta actividade contribúa a manter os bosques autóctonos, e
non ó contrario. No caso do bidueiro, cortando só un pe e deixando varios. No
caso do carballo e castaño, de podas e clareos se están moi xuntos, e no caso
do eucalipto, procura que, ó cortalo, caia na cabesa de quen o plantou, para
que reconsidere a opción de replantar con árbores autóctonas. A mellor época
para a poda é ó final do inverno.
Deste grupo de bidueiros, só talamos un, para que o bosque se rexenere
No caso de non seguir o pé da
letra o explicado neste párrafo, este documento autodestruirase en 5
segundos.... 5, 4, 3, 2, 1, floshhhh
Madeiras que valen: carballo, castaño, bidueiro, orcalitro.
A madeira debe ser: recén cortada (que non teñan pasado máis
de 20 días), coa cortiza en bo estado, e sen feridas previas. Manter a madeira
á sombra e sen tocar co solo ata que lle metas o micelio, para que non perda
moita humidade e non entren outros fungos facilmente no noso tronco.
O shiitake non se come o cerne dos troncos, polo que debe
evitarse usar os que teñan moito (habitual no caso de carballo e castaño cando
medraron lento)
O tamaño e grosor non importa, mais pensa que con este método
que se explica abaixo, os troncos van ter que ser movidos moitas veces e
sumerxidos en auga. (Un tronco de un metro de longo e de 15 cm de diámetro pesa
uns 15 kg, que xa é dabondo)
O rendimento, no caso do carballo, é dun 15% de shiitake con
respecto ó peso do tronco recén cortado, o longo de 3 anos como mínimo de
produción.
Procedemento e coidados:
Unha vez cortada a madeira, comeza unha “carreira” entre
fungos espontáneos e nós, para colonizar o tronco. A nosa estratexia é a de
invadir o tronco co noso micelio masivamente.
1- Facer furados de 2 cm de ancho e 4 de fondo (aprox)
a unha distancia duns 15 cm (aprox). É importante que os cabezais do tronco
teñan moi perto furados, pois é por esta zona pola que van tentar entrar outros
fungos. A cortiza é a “pel” do tronco, que o protexe de entrada de fungos e
perda de auga nos primeiros meses.
2- Inmediatamente despois, encher cun funil os furados co
micelio e tapalos cun corcho axudándote dun martelo (de cada corcho de
botella pódense sacar 3 ou 4 corchos). Se ó martelear ves que salta o micelio
dos outros furados para fora, pon un pouquiño de algodón en cada furado despois
de meter o micelio, e pon o corcho despois. Procura non tocar cos dedos o
micelio, despois de andar tocando os troncos, terás nos plegues da pel moitas
esporas de fungos e bacterias.
Na imaxe vese os grans de cereal infectados de micelio (de cor branca)
3- Incubar os troncos durante un ano polo menos, en
condicións de escuridade e humidade. Para isto, apila os troncos xuntos e
levantados algo do chan e tápaos cun plástico opaco, nun sitio onde non lle dea
a luz directa (baixo unha carballeira ou un souto é o sitio ideal). Cada dous
meses levanta o plástico e dalles unha rega ou deixa que chova por eles.
Neste tempo, o micelio exténdese polo tronco. Para comprobar
que todo vai ben, fíxate nos cabezais do tronco, estas son as fases: primeiro,
verás unha manchiñas brancas (é o micelio), despois todo o cabezal ponse
branco, e logo vai virando a marrón.
Os troncos apilados e listos para a incubación. Para o que foron tapados cun plástico opaco durante un ano
Ás poucas semanas, o micelio comeza a asomar polos cabezais dos troncos
Nestas 3 fotos vese a evolución do micelio nos cabezais
4- Poñer a producir os troncos:
Para poñer a producir os troncos, espera a que chegue tempo
cálido (a sinal xusta é o inicio da saída das follas nos carballos). Sumerxe
os troncos durante 2 días en auga fría e despois ponos á sombra en zona
protexida de ventos (especialmente os do norte). Hai moitas formas de
dispoñer os troncos. Teñen que estar separadiños entre si, aireados e que
toquen o solo coa menor superficie posible, e de xeito que permita o crecemento
dos cogumelos cando saian.
Se o tempo é bo para o shiitake (calorciño e sen ventos do
norte), comezarán a sair 10 días despois
de sacalos da auga (aprox.)
En Xapón, antes de poñelos a producir, danlle uns golpes (sen
danar a cortiza) nos cabezais antes de sumerxilos. Neste punto é importante
entender que ó shiitake gústalle os cambios
(seco-quente-frío-húmido-vibracións). Doutro xeito non producirá tanto.
Os troncos a remollo. É mellr poñerlle un peso por riba para que estean sumerxidos
Troncos en primeiro plano xa dispostos a producir cogumelos
5- Apañando os cogumelos: podes arrincalos ou cortalos
a rente, o caso é que non deixes moitos restos do pe do shiitake no tronco,
isto dana ó micelio que segue vivindo dentro do tronco, porque provoca
podredumes. O punto ideal para apañar o shiitake é cando comeza a romper o velo
que protexe as láminas. Proba a apañalos cos ollos pechados e enseguida
te será moi facil saber se están no seu punto.
6- Volta o remollo: 2 meses despois do 1º remollo, outra
vez á auga en remollo 2 días. Este ciclo de remollo-colleita-remollo
repítese ata que chegue o inverno (os carballos perden a folla). E volta a
comezar no seguinte ano e así ata que notes que o universo se expande ou que a
produción é tan pequena, que xa non te compensa.
Neste punto, terás un tronco ben podre, que podes deixar
descansar nunha zona sombría e húmida para que o visites de vez en cando e lle
contes un conto. De seguro que che dará aínda algunha sorpresa.
Aquí agora para rematar, estaría ben algunha musiquiña coma
esta, a ver se a adiviñas pola letra:
إني اخترُتك يا وطني
حُبّا وطواعية
إني اخترتك يا وطني
سِراً وعلانية
إني اخترتك يا وطني
فليتنكّر لي زمني
ما دُمْتَ ستذكُرني
يا وطني الرائع يا وطني
دائمُ الخضرة يا قلبي
وإن بان بعَيْنَيَّ الأسى
دائمُ الثورةِ يا قلبي
وإن صارت صباحاتي مَسا
جئتُ في زمن الجزْرِ
جئْتُ في عِزِّ التعَبِ
رشاش عُنفٍ وغضب